terça-feira, agosto 30

foliada dos bizolos.

adormezo engaiolada nas túas verbas.
entretecida nun nubelo de agarimos rotos,
as pálpebras descéndenme ao lugar que habitas.

vibran os metales
con cada exalación.
dilátanse as pupilas
un segundo antes de que aparezas.

adormezo engaiolada nunha melodía descoñecida.

eva méndez doroxo

sexta-feira, agosto 12

túa.

absurda, na noite,
atópome, espida, no teu ollar brilante.
agocho o fucín entre os teus vapores,
absorvo o alento que me percorre.

infliltrado na miña pel,
atravesas o deserto da indiferencia,
para repostar, exhausto, no oasis dos meus peitos.
aínda axitados pola viaxe,
ollámonos, desconcertados, nunha derradeira exhalación de morte.

eva méndez doroxo

hipoteca: impagos.

calculo o prezo das palabras,
cada letra un minuto de vida,
cada frase unha nova morte.

dasme testemuña das miñas débedas,
anotachelas todas nun silencio
que me desgarrou a larinxe.

incrementaches valor
a costa das miñas lerias,
infinitas verbas co encheron todo,
ata secarme por dentro
e arruinarme por fora.

eva méndez doroxo.

quinta-feira, agosto 4

sete anos.

sete anos levo presa dos teus beizos de zucre.
impregnado te achas nas miñas papilas,
nos meus teixidos.
esgazada me atopo ao ollarte no fondo
desta andaina sen tregua,
na que tortuas a miña alma
para gozar do meu corpo.

sete anos levo presa dos teus ollos de pedra.
érgome espida e débil,
atravesando as fragas de corpos
que habitan cada recuncho da nosa vida,
nesta cadea de angustia
na que mergullo a necesidade de ti.

sete anos deixo,
sete anos esquezo,
sete anos es, son, fomos.

eva méndez doroxo

segunda-feira, agosto 1

monstruos.

cara amable,
sorriso limpo,
ollos nos que perderte.

palabras sinceiras,
orellas pequenas,
e bicos sabor a sal.

voz...

entre cachos de vida,
fíltranse polos dedos,
agardan agochados nas sombras,
sentados ao noso carón,
agochados nos pesadelos,
inflitrados na nosa cotidianidade,
no fondo dalgún lugar de nós.

eva méndez doroxo

Free Counter and Web Stats