terça-feira, março 27

compases.

catro centos versos para que me interpretes.
un mundo de letras, no que perderme.
non son algo que esconder,
nin un anaco doado de esquecer.
son máis cunha morea de pel e ósos,
máis cos xemidos na néboa da incertidume.
formo parte das plaquetas que se bombean
dende o atrofiado órgano que che impide amar.
estou adscrita aos alentos silenciados.
ollas cada un dos meus latexos de tinta
impotente ante a imposibilidade de aniquilarme.

eva méndez doroxo.

quarta-feira, março 14

cabaleiros e musas.

non teño intención de someterme aos teus delirios.
imprimín o medo na miña dermis,
agora,
por sempre nela,
amosareincha espida, tal como fora.

craváchesme as agullas da contención,
rexeitando as miñas formas,
armando unha nova Eu entre fíos tinguidos de sangue,
o meu, o dela, o de todas aquelas que aínda están por chegar.

eva méndez doroxo.

domingo, março 11

trufas e crema de castañas.

quero esgazar a gorxa no esconxuro dos teus beizos.
morrer infinitamente, sen permiso do corpo.
amosarche o sentido da liberdade
con cada bocado destes dentes.

quero afondar os dedos,
no unto das túas mentiras
e deborarte como predador que fuches.
chantar as uñas no desexo,
afogar os sentidos,
deixarme invadir.

eva méndez doroxo

Free Counter and Web Stats