quinta-feira, abril 26

xiculate, churros e cravos.

mollada na complicidade dunha cama, esperto.
formo parte das sésegas da tea,
do infinito dun agarimo desexado,
dunha elíptica forma de nós.

aproveitamos as horas,
nas que os silencios nos deboran,
para enchernos de pedras e así non estar famentos
cando as lembranzas desaparezan
dando paso á fartura de realidade.

mollado no alleo dun sorriso, espértote.

eva méndez doroxo

segunda-feira, abril 23

madeira e sal.

estremo as precaucions cando os alentos descenden.
tra-las formas quedo invisible,
como unha sombra descoidada,
pero ti óllasme descuberta,
sen telas, entre as arañeiras.

tremo agardando a proximidade,
pero nomeas as contras, fechanse as fiestras,
amoreanse os corpos,
quédasme lonxe, na distancia infinita dun ollar no que perderme.

eva méndez doroxo.

km 0.

pendurada na irrealidade, percórrote.
comprendo que existo porque me does.
aprendo, outra vez, a perderme
nas curvas da inconsistencia.
levitar no formol da sabiduría,
navegar no éter.

grolos de nós afogan os berros,
a tolemia dunha estrada que coñecéndoa,
nos resulta allea, misteriosa, nova.

pendurada, na irrealidade, percórrote.

eva méndez doroxo.

sexta-feira, abril 20

confeso que te ameín, un día.

coa luz das sombras achégaste ao medo,
bícalo coa intensidade do descoñecemento,
marchas.

desfainse os fíos que tecín dende o esquecemento,
cando me percorren os beizos que non coñezo.
atravésanme as verbas dun pasado inmediato,
aquel no que me atopei perdida.

na opacidade dos  xestos non sein,
non quero saber quen es.
pero a túa proximidade ispe cada recuncho
desta existencia,
amosa a vulnerabilidade de quen, confeso, amou, un día.

eva méndez doroxo.

esoitando os fados de FaFá.


inmortalidade.

tórnome ninfa,
aprendo a ler a chuvia,
corrompo o gusto e o tacto dos bípedos
que, sen saberme, me atopan.

agardo, entre as follas molladas,
a mistura de salitre
que manca esta pel espida de realidade.

non comparto a neutralidade dos corpos.
móstrome coas telas das lembranzas,
afondo nun mar de texturas que me fain eterna.

eva méndez doroxo.

catro.

na brétema infinita dun agarimo,
perdo o sentido.
deambulo polas estradas do teu ollar,
sen saberme túa,
sen desexar outra cousa ca liberdade
dos teus beijos.

eva méndez doroxo.

quarta-feira, abril 11

tribu dos mortos.

espida, de novo,
acho o sentido desta existencia.

abandoei o vestido das lembranzas,
queimei o abrigo das desilusións,
descubrinme tatuada coas cores do medo.

agora, sen roupa, os pasos alónxame das pantasmas,
os elípticos ollares múdanme as cores
que xogan coa miña pel camaleónica
nun novo circo de evidencias.

vexo outros corpos,
tamén espidos,
escondidos na súor destilada dos silencios.
non nos tocamos, pero, sabémonos exército de superviventes,
da gran batalla do sen sentido.

espida, de novo...

eva méndez doroxo.



muros de carga.

emerxo coa virulencia do fenix
dentre a escravitude do teu corpo.
infrinxo as normas para  reterte na concavidade
da miña brancura,
a que, ata hai nada, admirabas,
na que, ata onte, dibuxabas as liñas curvas
doutras ninfas.

esnaquizada baixo a tensión dos teus beizos,
arrebato o xemido,
o berro,
a furia desta nova gaiola na que me atesouras.

a luz esbara pola corteza dos meus sentidos,
pérdome, na brétema, dos teus ollos,
e volto, novamente a afondar no lume
dun novo nacemento.

eva méndez doroxo.

prima de risco.

as unidades de tempo,
mídoas en segundos sen ti.

eva méndez doroxo.

bioloxía dun pensamento.

mollo os beizos nas formas das túas palabras,
agardando non ser descuberta
nunha fugaz amnesia dos sentidos.

como angorde,
saboreando cada anaco de ti,
procurando que non vexas
o sorriso que esperta cada bocado.

en rematando,
ollas as miñas branduras,
e, paciente, nomeas
cada momento desta pel
que sen sabelo te desexa.

eva méndez doroxo.

pudor incendiario.

toda eu ardín.
o alento e as bágoas non detuveron a combustión.
un berro desatendido
quixo espertar as conciencias,
pero o lume encheume toda,
ata só deixar a verba,
insignificante legado do que nalgún tempo fun.

agora a cinza que me materializa,
desexa transformarse en letra,
quere percorrer os corpos
que, noutrora, a profanaron.
deixar a pegada, do lume,
en xentes que coa sede do silencio
a afastaron a golpe de misto.

pretendo eu,
na miña nova existencia,
renacer penetrando na porosa capa de medo,
que sen sabelo os conforma,
e dibuixar o rastro da morte nos ósos
desencaixados dos carroñeiros que me estragaron
un novo segundo de vida.

eva méndez doroxo.


terça-feira, abril 10

frecuencias.

entregada de novo ás correntes de febril incomprensión,
achego as verbas a, iste, teu corpo espido,
removo as mondas do banquete,
conto o tempo en unidades de alento.

abstracta é a liña que nos separa do xogo
para introducirnos nun diálogo de corpos.
exaxerado,
baixo a tela,
o movemento destas dúas peles
que decidiron racharse
nunha primixenea comunicación.

eva méndez doroxo

bioconstrucción 1.0

imaxinasme inmóbil?
cos músculos aínda en tensión
despois do encontro,
pero sen que os espasmos se apoderen deles.

imaxinaste esperto?
entre os meus beizos deborado,
cos ollos intáctos e os ósos fragmentados,
sen saberte totalmente vivo.

imaxinasnos?


eva méndez doroxo.

segunda-feira, abril 9

bioconstrucción.

constrúesme aproveitando as paredes do derrumbe,
os muros aínda intactos das catástrofes anteriores.
non te das conta de ca lama esorre por entre costuras
dunhas pedras xa cansas polo longo resistir.

a modo axústame á terra,
ímpidesme o desplome,
pero baixo o verde sego erosionada,
desexante de cas túas maus me sigan a percorrer.

eva méndez doroxo.

transitando a Fernanda Takai.

"Sempre so
Eu vivo procurando alguém
Que sofra como eu tambén
Mas nao consigo achar ninguem."

afondo na mistura que se esconde
tra-los movementos dunha pel axitada.
quero formar parte da néboa,
para percorrente na invisibilidade
duns dedos aínda sen xeito,
afeitos a corpos máis esquivos
nos que os beizos berran outros nomes.

eva méndez doroxo

condominio.

naufrago, ancoras nas escamas desta pel.
sinto como a dor me atravesa.
ximo,
pretendo ser sixilosa e que nos invada o silencio,
pero ximo, sego xemindo.
atopas o sangue nos aparellos do teu naufraxio,
descóbresme esnaquizada contra os teus beizos,
 presa  nos ósos dunha vida que me era allea.

eva méndez doroxo.

Free Counter and Web Stats