segunda-feira, outubro 27

esquezo

por tantas veces esquezo que estás aquí,
que te entreteces a min coa forza dos fíos da arañeira.

golpeas con forza a miña conciencia,
agrúpaste nas células e dasme o teu sentir.

aínda non comprendo,
aínda non son quen de oirte,
pero agardo deitada sabéndote en min.

eva méndez doroxo

roubadores de beizos

xusto na intersección da liña curva atopámonos,
mesturaches as verbas, a lingua e os xestos
e entregáchesme á escamación dunha pel ferida.

sabía que tiña que escapar,
pero a erótica do prohibido atrapoume máis co teu corpo,
e funme consumindo nunha paixón allea e propia,
co tempo descuberta só en min,
case como obsesión dun nacemento que non se deu.

lembro as escasas formas de vida
nas que coincidimos,
os pequenos intres en que o fluxo cósmico se reorganizou para berrarme: Vaite!

cómo alonxarme de min mesma?
sabendo que nas maus derreteuse todo o anterior
e só hai materia en ti,
un monstruo vestido con pel de terra, tradición, futuro.

así, presa da insensatez da autodestrucción,
cosinme a esa pel, para ser un anaco máis na tela que cubre o teu ser,
e altiva arrastrei a miña oblicua fé polos montes todos do mundo.

ao fin chegou ela,
a que non precisa roupa para ser adorada.
así fugaces na vosa maldade infinita,
bebéstedes os líquidos vitais dos meus soños,
mesturástedes a roupa coa paixón dos que se atopan
e prendéstedes lume á pel na que ía cosida.

agora dende a cinza que son,
admiro a liberdade coa que vivir ceibes de culpa
supón para tantos seres que arden
obsesións, paixóns, e vida.

silenciosa observo o meu novo tecido onde todos os queimados
seguimos agardando a resurrección.

eva méndez doroxo

carnívoras

asfixiame a dor que se cerne ao meu rededor.

lánzome espida ás rúas dos ollos que me xulgarán,
pero non sinto pudor,
a agresividade da brutalidade humana pasa por min sen deixar marca.

sorrio no pacífico xento de liberación
que me fai non sentir golpes,
nin a carne aberta
mentras mana o sangue dador de vida
que bebedes sen sentimento de culpa.

deixo o ollar inmóbil
nun sorriso agónico de eterna perplexidade
entre vós e eu nada acontece.

eva méndez doroxo

Free Counter and Web Stats